Galicia — 12 diciembre 2012
Familias da localidade coruñesa de Zas retiran aos seus fillos e fillas da catequese acusando a un grupo de monxas de “extremismo” por amosar “un vídeo da realización dun aborto” e  “adoutrinar na tristeza e a dor”

Un grupo de nais e pais de Zas (A Coruña) manteñen un conflito co responsable da parroquia polo xiro “extremista” que está a darse na doutrina que reciben na catequese os seus fillos e fillas, polo que optaron por sacalos destas reunións. Declaran a súa fe católica pero recoñecen “ter suficiente capacidade intelectual e responsabilidade para defender aos nosos fillos”.

Dín que a causa é a chegada á parroquia das relixiosas da Fraternidad Reparadora Apostólica, que comezaron a “adoutrinar” aos pequenos e pequenas “na tristura, e no sufrimento”, “na valoración da dor e da enfermidade como castigo de Jesús polos nosos pecados” ou na ameaza de que “se non acoden ás reunións, o diaño vai entrar no seu corpo e na súa casa”.

As familias dín que estas monxas cambiaron os materiais de catequese de sempre polo libro “Ven y sígueme” no que se observan “claras referencias ao Opus Dei”. Segundo estas familias “A súa filosofía é que as cousas boas son cousas de Xesús e as malas suceden porque as merecemos”.

Dende a súa chegada, fóronse dando unha serie de cambios: “comenzou a haber control de asistencia tanto para la catequese como para a misa do domingo”. A partir de aí comezaron as “presións para que nenos/as e catequistas confesen semanalmente” e a “separación por sexos a partir dos 13 anos”.

Tras a división de sexos, “as nenas quedan dentro da igrexa” coas monxas, e cando as familias lles preguntan polo que falan neses encontros, elas “contestan que as advertiron de que non lles contaran nada aos seus pais”. Posteriormente, tamén revelaron que “lles dan libros a escondidas, as incitan ao xaxún, a sentirse afortunadas por estar enfermas e a ofrecer a súa dor a Xesús”.

Tamén falan , as familias, da posterior “creación do Movimiento del Ejército de Jesús”, consistente “en facer dos nenos soldados de Xesús, e asinar un compromiso sen coñecemento dos seus pais para acudir sempre á chamada” das monxas “para orar e reunirse”. Como actividade dentro deste “movemento” están as explicacións macabras mostrando “un vídeo da realización dun aborto”. “Ante as preguntas dos nenos” sobre se “no caso de malformación ou violación” se “permite” a interrupción voluntaria do embarazo, dín, “elas responden que unha alta porcentaxe” das violacións “non o son realmente”.

http://www.eldiario.es/galicia/Amedrentan-diciendoles-entrar-diablo-cuerpo_0_78392679.html

Related Articles

Share

About Author

Mirian

(0) Comentarios

Comments are closed.