| Español | Catalán | Gallego |
“DECIDIR FAINOS LIBRES”
Diante do anuncio por parte do Goberno do Partido Popular de reformar a actual Lei Orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, as organizacións abaixo asinantes MANIFESTAMOS:
A nosa indignación ante o retroceso que suporía a posible reforma da lei no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
A nosa absoluta negativa a aceptar un recorte na liberdade e autonomía das mulleres no relativo á súa sexualidade e a decidir sobre a súa maternidade. Se non podemos decidir, non somos libres.
O noso desacordo co fondo argumental –ideoloxicamente retrógrado e manipulador- co que se pretende xustificar a reforma.
A nosa repulsa diante do feito de que a vulneración dos dereitos das mulleres sexa o resultado do selo ideolóxico do PP.
Por todo o antedito,
DENUNCIAMOS que a perda de dereitos en saúde sexual e reprodutiva poñería en maior risco a saúde e a propia vida das mulleres. AFIRMAMOS, pola contra, que o goberno está obrigado, de acordo coa normativa europea e internacional, a referendar a protección e seguridade xurídica en materia de dereitos sexuais e reprodutivos.
DENUNCIAMOS que a coacción e limitación no uso das liberdades individuais das mulleres constitúe “violencia de xénero estrutural” e AFIRMAMOS, pola contra, a inquebrantable vontade das mulleres de vivir unha vida libre de Violencia e de coaccións.
DENUNCIAMOS que o recorte nas liberdades das mulleres é debido á presión da xerarquía eclesiástica católica e de grupos ultraconservadores. AFIRMAMOS, pola contra, a necesidade dunha sociedade laica e democrática libre de imposicións relixiosas.
DENUNCIAMOS a lamentable argumentación decimonónica que salienta como único dereito da muller o da maternidade sen libre elección. AFIRMAMOS, pola contra, o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos e as nosas vidas, nunca de acordo con un prototipo de feminidade que discrimina ás mulleres.
DENUNCIAMOS a arbitrariedade no manexo e uso do concepto “dereitos”, xa que a aceptación dos dereitos humanos das mulleres é incompatible coa súa regulación no código penal. AFIRMAMOS, pola contra, que onde hai “dereitos” non hai “supostos” e que o exercicio dun dereito non é punible.
DENUNCIAMOS que a negación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres leva aparellado un retroceso en cuestións tan básicas como a educación sexual ou a mellora no acceso á anticoncepción, incluída a de urxencia. AFIRMAMOS, pola contra, que existen, SI, dereitos específicos da mulleres en saúde sexual e reprodutiva e debe haber, xa que logo, dereito a prestacións específicas na carteira nacional básica de servizos sanitarios.
PORQUE DECIDIR FAINOS LIBRES
Descargar en PDF / VER ASOCIACIONES FIRMANTES >>>>
¡Firma!. ¡Da tu apoyo!



