Galicia — 23 noviembre 2012

A Plataforma Galega, constituída por máis de trinta organizacións sindicais, feministas, profesionais, políticas, veciñais e culturais o pasado mes de agosto, quere manifestar o seu rexeitamento a todas as formas de violencia de xénero en vésperas da celebración da xornada de reivindicación do 25 de novembro.

Unha das principais achegas do feminismo é que a análise da violencia exercida contra as mulleres non pode cinguirse só a determinados momentos e expresións concretas, senón que cómpre establecer vínculos entre a violencia directa, as súas manifestacións máis visibles e o seu compoñente estrutural e cultural.

A violencia, así, queda desposuída do carácter de problema privado e persoal, para recolócala no ámbito público, como un problema social e político.

Deste xeito, denúncianse publicamente o feminicidio, a prostitución forzada, o tráfico de mulleres para a súa explotación sexual, o acoso en todas as súas formas, así como a impunidade que se dá en moitos países ante estas e outras violacións dos dereitos humanos das mulleres.

Dentro de este marco de violencia de xénero estrutural está a coacción e a limitación no uso das liberdades individuais das mulleres e o atentado contra o dereito a decidir libremente.

A limitación e a perda de dereitos en saúde sexual e reprodutiva exporán a un maior risco ás mulleres que soportan situacións de violencia.

O empeño da Igrexa Católica e dos grupos conservadores por limitar o dereito a decidir das mulleres choca co escaso empeño que poñen na loita contra as diferentes formas de violencia de xénero, que de xeito cotiá se reflicte no número de mulleres asasinadas.

Segundo a Macroenquisa de violencia de xénero 2011, o 10,9% das mulleres declara ter sufrido malos tratos algunha vez, fronte ao 6,3% que o declaraba no 2006.

Este si que é un problema real, sufrido por máis de 2.150.000 mulleres en todo o Estado, que ten unha dimensión social enorme e ante o que non se aprecia, nin por parte do ministro Gallardón nin pola xerarquía católica, unha posición e un compromiso coa súa erradicación tan combativo, como o que manifestan coa decisión de limitar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

 Plataforma Galega en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos

Related Articles

Share

About Author

Mirian

(0) Comentarios

Comments are closed.